jueves, 11 de octubre de 2012

A protagonista da semana: SABELA


Na aula de 6ª de E. Infantil  (5 anos),  seguimos  co Proxecto
“O PROTAGONISTA DA SEMANA”!
A semana do 1 ao 5 de outubro, a protagonista foi SABELA.
O luns, día 1, na asemblea, Sabela foi nomeada protagonista e, durante toda a semana, fomos coñecendo cousas propias dela coma: os seus apelidos, data de nacemento, as súas cousas favoritas, o seu peso, medida, talla, nº de zapato, enderezo, etc.; tamén vimos moitas fotos de cando era bebé, cando está coa súa familia, das viaxes, festas, etc. E con todo isto, foise enchendo o recuncho do protagonista da nosa aula.
O venres día 5, recibimos a visita dos pais de Sabela na aula.
 Foi outra mañá chea de sorpresas, pasámolo moi ben!  E, deste xeito, coñecimos un pouco máis a nosa compañeira e a súa familia.
Comezamos cunha sesión de fotos nun power point que Manuel, o papá, e Sabela nos ensinaron e así puidemos ver como era a nosa protagonista nas distintas idades, dende que naceu ate o de agora... e canto medrou! Ademais, vimos o contenta que estaba facendo unha chea de cousas que lle gustan e con outros membros da familia que non coñeciamos.
A continuación, ela e a súa mamá contáronnos o conto “Pequeno azul, pequeno amarelo” de Leo Leonni,  e todos participamos cos círculos desas cores que nos trouxeron.
Despois o papá, axudado por Sabela, contounos o conto “Nadarín”, do mesmo autor. Gustounos moito e todos participamos pegando os peixiños pequenos no mural do peixe grande.
Os compañeiros tiñan curiosidade por saber cal era o seu traballo e para explicarllo trouxeron á aula dous microscopios, xa que a mamá de Sabela traballa nun laboratorio e a Sabela encántalle ese traballo.
Foi toda unha experiencia poder observar unha avespa, un anaquiño da pel dunha serpe (que antes nos amosaron enteira) e unha gota de auga sucia dunha charca; tamén puideron observar microbios e bacterias que non se ven a simple vista. Foi alucinante!
Os papás de Sabela contáronnos que cando está na casa é moi responsable e colaboradora, que pon a mesa, fai a súa cama, que lle gusta colaborar na cociña pero, sobre todo, que lle gusta moito comer. Tamén lle gusta cantar e sabe moitas cancións que cantan xuntos. 
E xa para rematar a visita, a familia repartiu uns doces agasallos que nos encantaron: unhas pastas e uns bombóns feitos por eles que ata daba pena comelos do bonitiños que eran, como podedes ver nas fotos. Por outra banda, recibimos un nini-contiño de Kalandraka para que sigamos a ler na casa. 
Para agradecer a súa colaboración e implicación no proxecto, lles entregámos un diploma para toda a familia e un gran aplauso.
GRACIÑAS!

No hay comentarios:

Publicar un comentario