viernes, 30 de noviembre de 2012

CULTURGAL

Dende o noso blogue, recomendamos a todas as familias que visiten CULTURGAL, a Feira das Industrias Culturais, que terá lugar os días 30 de novembro, 1 e 2 de decembro no Pazo da Cultura de Pontevedra.
Onde está?
Rúa Alexandre Bóveda s/n 36005
Pontevedra
Contacto: 986 833 061
www.pazodacultura.org
En Google Maps: http://ir.gl/8ae33c
Coodenadas GPS
Latitude: 42.436729
Lonxitude: -8.63902
Na páxina web
poderedes atopar toda a información necesaria sobre os diferentes obradoiros, exposicións, contacontos, maxia, teatro, danza, presentacións de libros e discos, etc. que terá lugar esta fin de semana en Pontevedra. 
fotoexito01-web
Culturgal é unha gran casa construída entre os distintos gremios da cultura: libro, creación audiovisual, artes escénicas, música, deseño, internet e novas tecnoloxías. Un fogar coas portas e ventás abertas sempre cara á sociedade. Un evento único, de periodicidade anual, que chega á súa quinta edición consolidado como a gran cita das industrias creativas en Galicia.
A Feira das Industrias Culturais de Galicia é moito máis que un encontro profesional. Culturgal é unha romaría á que acoden cada ano miles de persoas para coñecer de primeira man as novidades editoriais, o último en música, o glamour do audiovisual, a maxia das artes escénicas, os avances das novas tecnoloxías e mesmo as propostas máis marxinais en tres días de actividade sen tregua. Tres días de intenso traballo conxunto que convirten tamén a Feira nun lugar de encontro privilexiado para os axentes do sector, un espazo para a reflexión e a aprendizaxe, no que intercambiar experiencias e imaxinar novos proxectos baseados na colaboración e no apoio mutuo.
Culturgal está organizado por unha entidade da que forman parte as asociacións profesionais máis representativas do sector: Asociación Galega de Editores (AGE), Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas (Escena Galega), Asociación Galega de Produtoras Fonográficas (Agaphono), Empresas Galegas Adicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (Eganet), Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi). A Feira conta co patrocinio da Xunta de Galicia, a través da AGADIC e da Secretaría Xeral de Política Lingüística, do Concello de Pontevedra, do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte e conta coa colaboración de máis de 30 entidades e empresas. No eido das industrias culturais, Culturgal é sen dúbida o proxecto coa rede máis ampla de colaboradores institucionais, asociativos e empresariais.

Culturgal é a casa da cultura en Galicia. A vosa casa. Entrade ata a cociña.

jueves, 29 de noviembre de 2012

O protagonista da semana: LUCAS

Esta semana, do 19 ao 23 de Novembro, o protagonista foi:

LUCAS
Unha nova semana na que fomos coñecendo un pouco máis ao noso compañeiro Lucas: os seus apelidos, onde vive, os seus gustos. . .  estivo encantado de poder amosarnos as súas cousas favoritas ! 
Coma de costume, ensinounos fotos de cando era bebé e nos amosou o pequeniña que era a súa roupa. Canto medrou!
 Tamén, nos foi ensinando fotos de distintos momentos  da súa vida e da súa familia, e o recuncho foise enchendo coas súas cousas.
 O venres día 23,  tivemos a visita na aula da súa mamá, Mº Carmen, que viña acompañada de Dana, a cadeliña que é a súa mascota.
Tróuxonos unha selección de fotos de Lucas, dende antes de nacer ate o de agora. Por suposto que a que máis nos chamou a atención foi a da “ecografía”.
E, moi amablemente, contestou as nosas preguntas e así nos enteramos que Lucas foi un bebé pouco chorón e que sempre quería comer... por iso medrou tanto! Que lle gustan moito os animais,  que xoga moito co seu irmán, Ruben, e que  colabora nas tarefas da casa.
Tamén lle preguntamos polos traballos que facían os papás, e nos contaron que mamá está na casa, xa que pechou a empresa na que traballaba de secretaria, e papá traballa nunha fábrica de madeiras, por iso nos trouxo un xogo que fixo para nos con pezas deste material, coma un dominó, co nome de cada un, e ate dos profes. É moi divertido, pasámolo moi ben con ese xogo.
Despois, Lucas quixo que nos contara o seu conto preferido “DE POLLITO A GALLINA”. Mentres o escoitabamos fomos aproveitando para xogar con Dana, que agardaba pacientemente.
E, xa para rematar,  Lucas nos repartiu uns agasallos que fixo coa sua mamá na casa: unhas saborosas madalenas coas que repasamos o abecedario e uns caramelos prendidos dunha pinza decorada.
Estas familias e estes nenos/as están feitos uns artistas!
 E, coma sempre, antes de rematar esta visita lle entregamos á familia un diploma como recordo desta semana e os despedimos cunha "aperta comunitaria” e un merecido aplauso.
GRACIÑAS!

miércoles, 28 de noviembre de 2012

Hu, a pantasma

Esta mañá, recibimos unha visita inesperada na aula de 4 anos: "Hu, el fantasma".
Apareceu no encerado da aula cando non había ninguén dentro e... que susto levamos!!!
Levaba na súa boca un sobre que contiña a seguinte carta:

Entre todos e todas, estivemos a reunir pequenos consellos cos que podiamos agasallar a Hu e lle axudar na súa tarefa de ser valente; Durmir cuns tapóns nos oídos, durmir acompañado de familiares ou amigos, pasear pola praia ou tomar un zumo antes de durmir, foron algúns dos consellos escollidos polos nenos e nenas.
Agora, Hu é o noso amigo e forma parte da exposición sobre o medo que temos montada na nosa aula.
Que vos parece?

martes, 27 de noviembre de 2012

"El grito", de Edvard Munch

Na aulas de educación infantil, estivemos a traballar con este cadro:

"El grito", de Edvard Munch (1863-1944)
Estivémolo a mirar detenidamente na aula e xurdiron unha morea de preguntas e respostas que fomos contestando pouco a pouco coa colaboración de todos os nenos e nenas.
Por outra banda, quixemos representar ao protagonista do cadro e, para iso, realizamos unha simpática e tenebrosa actividade plástica, utilizando rolos de papel de baño e pinturas branca e negra. Gústavos o resultado??

lunes, 26 de noviembre de 2012

Unha maleta sorpresa chega as nosas aulas!!!

Durante a semana pasada, unha misteriosa maleta visitou as aulas da nosa escola chea de sorpresas e agasallos. 
A que xa vos estades a imaxinar quen foi o encargado da sorpresa, verdade? Pois sí, o noso amigo Gaspar estivo a facer das súas, coma sempre.
No interior da maleta, puidemos atopar un libro de Tintín e Milú, os protagonistas deste curso escolar, así coma un cartafol moi chulo cunha carta de Gaspar e información sobre o conto.
Por outro lado, unha pequena libreta acompañaba a estas dúas cousiñas.
O primeiro que fixemos foi ler a carta enviada por Gaspar:

QUERIDOS AMIGUIÑOS E AMIGUIÑAS !
Lendo as aventuras de TINTÍN entráronme moitas ganas de seguir as súas viaxes.
Que cousas tan curiosas hai polo mundo adiante!.
Lugares onde o día só dura catro horas, outros onde as temperaturas son moi altas durante o día e friísimas pola noite, cidades que teñen máis habitantes que os de toda Galicia ...
Algúns costumes son moi diferentes aos nosos, pero outros non o son tanto. 
Tintín e Milú viviron grandes aventuras, por iso eu este ano quixen embarcarme nesta aventura cos meus novos amigos, para ir polo mundo adiante a coñecer novos lugares, novas xentes, moedas, comidas, contos, cancións, etc
Así que  agora que estou de volta, gustaríame invitarvos, para que tamén vos poidades coñecer todas esas cousas marabillosas que hai polo mundo. Xa sei que non podedes ir de  viaxe de verdade, por iso vos propoño que leades este libro e probedes a viaxar coa imaxinación.
Neste libro de Tintín, o seu autor conta as aventuras que viviu unha vez que viaxou a un afastado país e titúlase : “TINTÍN EN EL CONGO”.
Espero que vos guste a historia, pero . . . non vos gustaría facer de reporteiros, coma Tintín, e así poder investigar para coñecer tantos segredos como pode agochar un lugar coma este?

A continuación, descubrimos o libro "Tintín en el Congo". Puidemos ver a cuberta do mesmo e comentar quen o escribira, onde estaban Tintín e Milú, a onde se dirixían, etc. Un milleiro de preguntas e respostas inundaron as aulas coa chegada desta maleta. 
Ahora é o momento de comezar a respondelas. No caderno de viaxe que acompaña ao libro, iremos anotando todas as novas que vaiamos descubrindo sobre o tema.
Por último, Gaspar nos fixo un encargo: elaborar un mural na porta da aula onde quede representada a portada do conto que nos regalou... Xa estamos "mans á obra" para deixar reflectida esta cuberta no corredor da escola.
Xa vos contaremos todas as novas a través deste portal web... Soamente tedes que estar moi atentos e atentas!!!

E a vós, que vos suxire esta cuberta do conto? Agardamos os vosos comentarios.


jueves, 22 de noviembre de 2012

O protagonista da semana: ROQUE

Esta semana, do 12 ao 16 de Novembro, o protagonista foi:
ROQUE

Ao longo da semana fomos coñecendo un pouco máis ao noso compañeiro Roque: os seus apelidos, onde vive, os seus gustos. . . estivo encantado de poder amosarnos as súas cousas favoritas !

Puidemos ver fotos de cando era bebé e lle gustou moito amosarnos o pequeniña que era a súa roupa. Cánto medrou!
Tamén nos foi ensinando fotos de distintos momentos da súa vida e da súa familia, e o recuncho se foi enchendo coas súas cousas.
O venres día 16, nos visitaron na aula os seus pais: Ana e Carlos.
Roque ensinoulles o traballo realizado nesta semana na aula.

E, coma sempre, chegou o momento de facer de xornalistas. E preguntando, preguntando. . . soubemos que Roque foi un bebé un pouco chorón nos primeiros meses, que lle costaba rematar os biberóns, que aínda lle costa un pouquiño comer de todo, que o seu prato favorito é a tortilla de patacas, que xoga moitísimo e que ten moita imaxinación, que é moi colaborador nas tarefas da casa...
Tamén lle preguntamos polos traballos que facían os papás, e contáronnos que a mamá é profe de maiores nun Instituto e o papá tamén é profe de Educación Artística noutro Instituto; ensinounos algúns traballos que fixo cos seus alumnos que nos gustaron moito. Uns poliedros regulares de cores, outros poliedros irregulares de cor branca e unha lámpada con forma de esfera que parecía unha cara; aínda que algúns pensabamos que era unha cabaza do samaín, resultou ser unha copia tridimensional dun cadro do pintor Paul Klee.

A continuación, Carlos, Ana e Roque nos contanron o conto “O COELLIÑO BRANCO”, proxectado na pizarra branca e tamen amosado por Roque. A mamá fixo de narradora e Roque e o seu papá encargábanse dos efectos especiais. Gustounos moito. Ao rematar lles demos un merecido aplauso.
E xa para rematar, Roque repartiunos un agasallo moi fermoso, que fixo coa sua mamá na casa: Un marcapáxinas de dinosaurio personalizado para cada un de nos, e tamén unhas gominolas de osiños e corazóns que tomamos despois do recreo para endulzar a mañá.
E coma sempre, antes de rematar esta visita entregámoslle á familia un diploma como recordo desta semana e despedímolos cun merecido aplauso.
GRACIÑAS!